Joan Baptista Humet
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 4 de xaneiro de 1950 Navarrés, España |
Morte | 30 de novembro de 2008 (58 anos) Barcelona, España |
Actividade | |
Ocupación | compositor, músico, cantautor |
Joan Baptista Humet, nado o 4 de xaneiro de 1950 en Navarrés, Valencia e finado en Barcelona o 30 de novembro de 2008, foi un cantautor catalán.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Dende moi neno trasladouse á cidade de Terrassa, onde seu pai posuía unha industria téxtil. En 1968 marcha a Barcelona para estudar arquitectura. Alí coñece a Joan Manuel Serrat, quen o convencerá de que comece a cantar. Debuta con 18 anos, en 1968 no teatro de Terrassa e durante dous anos actúa precedendo a Lluís Llach.
En 1970 publica os seus primeiros discos sinxelos coa compañía Columbia. En 1971 colleita o seu primeiro grande éxito coa canción Gemma, dedicada á súa cuñada, e que foi considerada unha das 100 mellores cancións en catalán do século XX pola revista Enderrock[Cómpre referencia].
En 1972 publica as cancións No m'importarà pas gens e Kristine, e en 1973 edita o seu primeiro álbum, Fulls (Follas), con arranxos de Josep Maria Bardagí. En 1975 participa na ópera-rock Granja animal, baseada na novela de George Orwell Animal Farm, onde fai o papel do porco intelectual Snowball. Tamén nese ano publica o seu primeiro LP en castelán, Diálogos, coa compañía Movieplay, co que acadará grande éxito en España e México, pero que arrefriará as súas relacións cos cantautores da Nova Cançó.
Continuará en 1979 co seu segundo e último álbum en catalán, Fins que el silenci ve (editado per Movieplay), con arranxos de Jordi Vilaprinyó e que presentou no Palau de la Música Catalana, e que consiste nunha única suite de 35 minutos interpretada por 30 músicos. En 1981 muda de discográfica e pásase á RCA onde publica o seu traballo máis famoso, Hay que vivir, que incluía tamén a súa canción máis coñecida, Clara, inspirada na morte dunha rapaza por causa da droga, e que lle vai abrir as portas do mercado iberoamericano.
Despois de dous discos, Amor de aficionado (RCA, 1982) e Sólo soy un ser humano (RCA, 1984), a discográfica é absorbida por Ariola, e el decide afastarse da música e dedícase laboralmente á formación para empresas. Non volve ata o 2001 e en 2004 publica un novo traballo, Sólo baje a comprar tabaco, que autoedita no selo discográfico da súa propiedade, Validance.
Humet e Galicia
[editar | editar a fonte]En 1971 gañou o premio da canción Baía de Vigo[1], e ao ano seguinte, en 1972, coa canción Kristine gañou o premio Dorna, tamén en Vigo.
Discografía
[editar | editar a fonte]- Gemma / El Llaurador (SG, Columbia 1970)
- Busco una flor / Tonades (SG, Columbia, 1970)
- Kristine / No m´importarà pas gens (SG, Columbia, 1972)
- Fulls (LP, Columbia, 1973)
- Diálogos (LP, Movieplay, 1975)
- Aires de Cemento (LP, Movieplay, 1977)
- Fins que el silenci ve (LP, Movieplay, 1979)
- Hay que vivir (LP, RCA, 1981)
- Amor de aficionado (LP, RCA, 1982)
- Sólo soy un ser humano (LP, RCA, 1984)
- Sólo bajé a comprar tabaco (CD, Validance, 2004)
- Obra completa (Rama Lama, 2008), recompilatorio de todos os seus temas remasterizados e dixitalizados.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou dúas veces. Faleceu a finais de 2008 dun cancro de estómago que lle fora diagnosticado en 2007[2], quince días antes de que un grupo de músicos e cantautores, coordinados por Marina Rossell, lle dedicasen unha homenaxe. Na homenaxe, celebrada o 16 de decembro de 2008 no Teatre Nacional de Catalunya, actuaron Núria Feliu, Maria del Mar Bonet, Marina Rosell, Joan Manuel Serrat, Lluís Llach, Víctor Manuel, Ana Belén, Moncho, Jaume Sisa, Quico Pi de la Serra, Guillermina Mota, Joan Isaac e o grupo Pegasus[3]. Foi enterrado na súa vila natal de Navarrés.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ No-Do
- ↑ Joan Baptista Humet mor després d'una serena lluita contra el càncer Arquivado 04 de decembro de 2008 en Wayback Machine., El Periódico de Catalunya, 1/12/2008
- ↑ Fallece el cantautor Joan Baptista Humet Arquivado 04 de decembro de 2008 en Wayback Machine., La Vanguardia, 1/12/2008
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Fernando González Lucini: Y la palabra se hizo música. La canción de autor en España, Ed. Fundación Autor, 2006.
- Martí López Vila:Joan Baptista Humet, Cantant a la Tristesa. Enderrock nº 90, abril del 2003.
- Diego Manrique: Un país de música: los años del 600 (II). Diari El País, Gran Vía Musical de Ediciones S.L. 2002.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Web oficial de Joan Baptista HumetArquivado 25 de xaneiro de 2021 en Wayback Machine.
- Web persoal con distintas informacións sobre discos e letras de cancións de Humet Arquivado 01 de decembro de 2008 en Wayback Machine.